Friday 17 de May de 2024

A directora de Turismo de Galicia participou no acto conmemorativo da Jour de la France à Compostelle


Nava Castro destaca a contribución das asociacións de amigos do Camiño na difusión e promoción da Ruta Xacobea

A Asociación Francesa de Amigos do Camiño de Santiago celebrou no Hostal dos Reis Católicos un acto conmemorativo pola Jour de la France à Compostelle que contou coa participación da directora de Turismo de Galicia, Nava Castro.

Durante o acto, a responsable de Turismo da Xunta recoñeceu o traballo das asociacións de amigos do Camiño de Santiago que suman máis de 300 repartidas por todo o mundo. Nava Castro afirmou que sen a súa dedicación non sería posible o que hoxe coñecemos como Fenómeno Xacobeo.

A directora de Turismo de Galicia sinalou que un dos axentes que máis contribúe á difusión da Ruta Xacobea e a súa promoción é a rede de colectivos de peregrinos que conforman as asociacións de amigos do Camiño. “O seu labor de información, de entrega de credenciais, de sinalización, de actividades, congresos, publicacións, e un longo etcétera, conforman un dos piares básicos no impulso da peregrinación a Santiago de Compostela”, afirmou Nava Castro.

A responsable de Turismo da Xunta animou aos presentes a continuar este gran labor de difusión, promoción e impulso do Camiño porque, segundo afirmou, “conforma un piar básico da peregrinación a Santiago de Compostela”.

Preto de 180 mil peregrinos no 2015
Nava Castro destacou que os datos demostran cada ano que o Camiño de Santiago se encontra en pleno auxe e actualidade.

Neste senso, destacou que no pasado ano o Camiño de Santiago trouxo ata Galicia máis de 237 mil peregrinos procedentes de máis de 150 países dos cinco continentes e que neste ano estas cifras están sendo superadas. “No que vai de ano recolleron xa o seu Compostela preto de 180 mil peregrinos, o que supón un aumento do 11%”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia destacou que o Camiño Francés continúa sendo o itinerario máis frecuentado ao ser percorrido xa no que vai de ano por un total de 116.271 peregrinos.